xoves, 23 de outubro de 2014

Comunidade Educativa

Os pais e as nais, os nenos e as nenas, os mestres, o centro educativo, a sociedade como membros principais da comunidade educativa deberiamos comezar a tomar consciencia da responsabilidade que nos compete.
Os nenos e nenas xa de por sí nacen preparados para crecer en sociedade, dende o minuto cero un recén nado xa ten como prioridade localizar a súa nai, hai estudos que demostran que recoñecen os rasgos faciais e que dende moi cedo son capaces de recoñer emocións. A natureza grazas a plasticidade que nos da, como seres incompletos, dótanos da posibilidade de aprender, de transformar a información en coñecemento.
Os pais e as nais somos os responsables de favorecer a socialización primaria para preparar ós nosos fillos e fillas para a vida en sociedade. Responsables de darlles o amor e a seguridade para que cada día descobran algo novo que os abraie e sorprenda polo recuncho mais inesperado.
Os mestres como guías, apoio, orientadores do coñecemento, non abrumando con información, nin transmitindo saberes intanxibles, senón como encargados do timón dese barco que os alumnos deberían tomar para surcar o mundo que os rodea. Poida que como alumnos non nos percatemos de todo o que un mestre fai por nos, da pegada que deixa na nosa personalidade, sexa para ben ou para mal, non deixan de ser persoas, que tamén poden trabucarse, pero de todo se aprende. Eu mesma gardo recordos, coido que coma todos, dos mestres e mestras da miña infancia. Algúns déronme mostras das debilidades das persoas, outros, da fortaleza do pensamento e a reflexión, e uns poucos, marcaron a miña vida para sempre ensinándome que o traballo con amor deixa de ser traballo e convértese en paixón e felicidade.
Toda a sociedade debe colaborar na labor educativa, non nos preparamos para estar rodeados de individuos alleos, estamos cada día inmersos nun mar de relacións, de contactos, de palabras e xestos. Dende o diálogo e a colaboración pódense achegar tódalas posturas, non para unificar, senón para poder aprender do punto de vista de quen temos enfrente, só coa escoita activa poderemos cambiar o mundo. Só con que antes de facer unha crítica miremos cara o noso interior xa sería un gran paso. Antes de buscar culpables, mirarnos ben nos petos, buscar a nosa responsabilidade, procurar de que xeito podemos mellorar ou evitar os conflictos.
A diversidade, a multiculturalidade, a integración, non serán máis que utopías ata que abramos os ollos e vexamos que a diferenza é un tesouro, as cousas que son distintas enriquécennos. A opinión dos nenos e das nenas, dos pais e das nais, dos mestres, da comunidade ou do barrio, nunca van ser iguais. Bendita diversidade que nos deixa ver todo o que podemos aprender uns dos outros, con apertura de mente e ante todo con respeto. Esa é a mellor lección respetar para poder mellorar.
E aproveito dende xa para manifestar expresamente que cando fago este blog sinceramente pretendo aprender cada día un pouco máis e se transmito nalgún intre a miña opinión persoal sobre algún tema, fágoo dende o maior dos respetos a tódalas posturas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario